Carta Europea de Turismo Sostenible - Parque Nacional Illas Atlanticas de Galicia
Carta Europea de Turismo Sostible

¿Que é a Carta Europea do Turismo Sostible (CETS)?

A Carta Europea de Turismo Sostible é unha iniciativa da Federación EUROPARC, que ten como obxectivo global promover o desenvolvemento do turismo sostible nos espazos naturais protexidos de Europa. A CETS reflicte a vontade dos espazos protexidos, das partes interesadas locais e dos representantes do sector turístico, de promover o turismo de acordo cos principios do desenvolvemento sostible.

O "turismo sostible", é definido como "calquera forma de desenvolvemento, equipamento ou actividade turística que respecte e preserve a longo prazo os recursos naturais, culturais e sociais e que contribúa de xeito positivo e equitativo ao desenvolvemento económico e á plenitude dos individuos que viven, traballan ou realizan unha estanza nos espazos protexidos".

Os obxectivos básicos da Carta Europea de Turismo Sostible son:

     Fomentar o coñecemento dos espazos protexidos de Europa como parte fundamental do noso patrimonio e aumentar o apoio
        á súa necesaria conservación para que poidan ser gozados polas xeracións presentes e futuras.

     Mellorar o desenvolvemento sostible e a xestión turística dos espazos protexidos, tendo en conta as necesidades do contorno,
        da poboación local, das empresas locais e dos visitantes.

Os axentes implicados na obtención da Carta son o espazo natural protexido, as empresas turísticas, situadas no parque, e as axencias de viaxe. O proceso de adhesión divídese en tres fases distintas, nas que os axentes interesados deben comprometerse a desenvolver unha estratexia segundo os principios do turismo sostible e a adoptar un método de traballo baseado no principio de colaboración.


Principios do turismo sostible da CETS

Os principios do turismo sostible nos espazos naturais protexidos da Carta Europea de Turismo Sostible, son os seguintes:

Implicar a todas as partes relacionadas co turismo no espazo protexido e nas zonas circundantes no desenvolvemento e na xestión
    do espazo protexido.

Elaborar e aplicar unha estratexia e un plan de acción de turismo sostible para o espazo protexido.

Protexer e mellorar o patrimonio natural e cultural da zona, tanto para o turismo coma mediante o turismo, e á vez protexela dun
    excesivo desenvolvemento turístico.

Ofrecer unha experiencia de alta calidade aos visitantes en todolos aspectos.

Proporcionar información axeitada aos visitantes acerca das calidades especiais da zona.

Promover produtos turísticos específicos que permitan descubrir e comprender a zona.

Ampliar os coñecementos sobre o espazo protexido e os temas relacionados coa sostibilidade dos axentes relacionados co turismo.

Garantir que o turismo mellore, e non reduza, a calidade de vida da poboación local.

Aumentar os beneficios derivados do turismo en favor da economía local.

Controlar e facer un seguimento dos fluxos de visitantes para reducir os seus potenciais impactos negativos.


Fases da CETS

Fases I: Acreditación de espazos naturais protexidos

Posta en marcha en 2001, é o espazo protexido, co acordo e compromiso dos empresarios turísticos e outros actores locais, quen solicita a adhesión, e é o territorio quen recibe a acreditación da CETS. Os pasos a seguir son os seguintes:

1. Información: decisión da administración ambiental responsable do espazo protexido e comunicación oficial á Federación EUROPARC do inicio da preparación da candidatura.

2. Preparación do Informe da candidatura e envío. (Inclúe o Diagnóstico, a Estratexia e o Plan de Acción, máis os anexos necesarios).

3. Auditoría. Visita da persoa auditora da Federación EUROPARC.

4. Comunicación oficial da concesión da CETS. Acto público de concesión da CETS, en congreso anual da Federación.

En todas as candidaturas se constituíu un Foro, formal ou informal, como marco colaborador no que se elabora a candidatura. No Foro constitúese o Grupo de Traballo encargado da redacción do Dossier da candidatura, tarefa que en moitos casos contou co apoio dunha asistencia técnica.

Fase II: Adhesión das empresas turísticas á CETS.

O sistema de adhesión distinguirá, nos espazos xa acreditados, a aquelas empresas que máis e mellor se esforzan por facer sostible a súa actividade e colaborar cos xestores do espazo. Son as empresas turísticas as que voluntariamente poden solicitar a súa adhesión. Este recoñecemento será moito máis que outra nova marca de calidade, porque ademais garantirá unha auténtica colaboración entre a empresa e o espazo protexido para avanzar no desenvolvemento dun turismo sostible.

Fase III: Adhesión de axencias de viaxe á CETS.

Prevese que as axencias de viaxe poidan adherirse á Carta Europea de Turismo Sostible. Polo feito de que as axencias de viaxes e operadores turísticos levan os seus clientes aos espazos protexidos poden contribuír tamén moi positivamente á sostibilidade do turismo.

máis información:
documentos oficiais:

© 2015 Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlanticas de Galicia - Edificio Cambón, Rua Palma 4 - Casco Vello (Vigo)